XIII FEIRA DE STOCKS

O Centro Comercial Histórico de Viveiro celebra a XIII Feira de Stocks con grandes descontos e unha ampla oferta comercial
A cita terá lugar os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto nos Xardíns Noriega Varela, con once stands de diferentes sectores e produtos a prezos especiais
O Centro Comercial Histórico de Viveiro organiza unha nova edición da Feira de Stocks, unha iniciativa que chega este ano á súa XIII edición e que se celebrará os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto nas carpas instaladas nos Xardíns Noriega Varela.
A feira reunirá un total de once stands comerciais nos que os visitantes poderán atopar unha ampla variedade de produtos de diferentes sectores, entre eles téxtil, calzado, deporte, moda infantil e xuvenil, complementos, xoiería, bisutería, agasallos e decoración.
Os comercios participantes nesta edición son Complementos Sulian, Raquel Seijido, FyM Moda, Oscar Joyeros, Mimimó Moda, Cobelinha, Biá-Biá, Van Surf e Van Surf Sneakers, que achegarán ao público unha selección dos seus artigos con descontos especiais.
A XIII Feira de Stocks ofrece así unha oportunidade para adquirir produtos de primeira calidade a prezos moi reducidos, con numerosas ofertas e auténticas oportunidades de compra para veciños e visitantes durante os tres días de celebración.
A inauguración oficial terá lugar o venres 31 de xullo ás 11:00 horas, e contará coa presenza de representantes do Concello de Viveiro.
O Centro Comercial Histórico destaca que o éxito das anteriores edicións, xunto coa cofinanciación da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Viveiro, permiten a continuidade desta iniciativa, que ten como obxectivo dinamizar o comercio local e achegar ao público unha proposta atractiva de compras no centro da vila.
O horario da feira será de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas durante os tres días de celebración.
