VIVEIRO CONTA NO BLACK FRIDAY
O BLACK FRIDAY DO CENTRO COMERCIAL HISTÓRICO DE VIVEIRO CHEGA CON DESCONTOS DE ATA O 50% EN 35 ESTABLECEMENTOS
O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha os días 26, 27 e 28 de novembro a campaña «VIVEIRO CONTA NO BLACK FRIDAY, e o seu comercio tamén. Os descontos que crean futuro», tres xornadas nas que 35 establecementos ofrecerán importantes descontos e promocións en miles de artigos.
Baixo o lema «Os descontos que crean futuro», a iniciativa dá continuidade á identidade de marca «Viveiro conta e o seu comercio tamén», trasladando ao Black Friday unha mensaxe que vai máis alá das ofertas e dos prezos: apostar polo comercio local é apostar polo futuro da vila, polo emprego, pola economía de proximidade e por manter vivo o centro histórico.
Nesta edición participan 35 negocios, tanto do sector comercial como de servizos, que ofrecerán unha ampla variedade de promocións. Moda, calzado, complementos, deportes, moda infantil, lencería, téxtil para o fogar, ópticas, mobles e decoración, xoierías, floristerías, salóns de peiteado e centros de estética son algúns dos sectores que se suman a esta iniciativa.
Os descontos partirán do 20% e poderán acadar ata o 50% nalgúns casos, convertendo esta fin de semana nunha excelente oportunidade para adiantar as compras, renovar o armario de cara ao inverno ou atopar ese artigo que estabas buscando, con importantes rebaixas e promocións en produtos de primeiras marcas.

MOITO MÁIS CA UNHA FIN DE SEMANA DE DESCONTOS
O Black Friday do CCHV é tamén unha invitación a achegarse a Viveiro, pasear polas rúas do casco histórico, descubrir os seus establecementos e desfrutar dunha experiencia de compras diferente.
Unha oportunidade para mercar ao aire libre, sen présas, facer unha parada na hostalería local para tomar un café ou desfrutar dun viño acompañado dun pincho e vivir o ambiente especial que se creará nas rúas, coa ambientación musical a través do fío musical.
E todo iso coa comodidade de levar as compras para a casa no momento, sen esperas, sen problemas de abastecemento nin entregas tardías. Porque esas son tamén as vantaxes de mercar no comercio de proximidade: atención personalizada, confianza, variedade e a satisfacción de saber que cada compra contribúe a manter viva a nosa vila.
O XOVES, O JUEPEO E O D’COPEO COMPLETAN A PROPOSTA
A programación desta semana conta ademais cun atractivo engadido. O xoves 26 celébrase o habitual Juepeo, no que participan 12 locais de hostalería con 12 tapas diferentes ao prezo de 3,50 euros. A proposta complétase co D’Copeo, no que tres establecementos ofrecerán copas e cócteles a 5 euros.
Unha excelente ocasión para achegarse a Viveiro, desfrutar da gastronomía local e quentar motores para unha fin de semana na que as compras e o comercio serán os grandes protagonistas.
35 ESTABLECEMENTOS IDENTIFICADOS COA IMAXE DO BLACK FRIDAY
Para facilitar a identificación dos negocios participantes, todos eles estarán sinalizados co distintivo da campaña: grandes bandeirolas negras de 2,60 metros de altura situadas nas entradas dos establecementos. Unha imaxe común que permitirá aos clientes localizar facilmente os comercios adheridos e identificar os locais onde poderán beneficiarse das promocións especiais.
As persoas interesadas poderán consultar os establecementos participantes e as súas respectivas promocións na web www.viveirocentro.com.
Cómpre lembrar que os descontos desta campaña non serán acumulables a outras ofertas ou promocións que xa teñan os establecementos, nin aplicables a encargos ou devolucións, ao tratarse dunha acción promocional puntual para as vendas realizadas durante estas xornadas.
Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, no marco das axudas para a dinamización dos Centros Comerciais Abertos de Galicia.
VIVEIRO CONTA NO BLACK FRIDAY, E O SEU COMERCIO TAMÉN.
Porque ti aforras, o comercio medra e Viveiro gaña vida. Apostar polo comercio local é apostar polo de aquí.